Mai 15 2012

15 de maio de 1992

"El Mundo". 17.05.95

1992 (MCMXCII) foi un ano bisesto, declarado Ano Internacional do Espazo pola Organización das Nacións Unidas e tivo lugar o quinto centenario do descubrimento de América. En plena Exposición Universal de Sevilla Expo’92, mentres en Oviedo se lle entrega o premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional ao Líder do Congreso Nacional Africano, Nelson Mandela, O Papa Juan Pablo II, prepárase para, ao seguinte día, beatificar a José María Escrivá de Balaguer, fundador do Opus Dei. Catro días despois o “Dream Team” de Johan Cruyff conquista en Wembley a primeira Copa de Europa do club, fronte á Sampdoria, grazas a un gol de falta anotado polo holandés Ronald Koeman, na prórroga. Curiosamente só dous cataláns, o “Chapi” Ferrer e Pep Guardiola, disputan esa final. E a tres meses escasos das Olimpiadas de Barcelona e a dúas datas do “día das letras galegas” adicado a Fermín Bouza Brey.

Roberto Vázquez e o tránsfuga

Ese 15 de maio de 1992, no pequeno concello de Portas, da provincia de Pontevedra, prodúcese unha moción de censura, provocada polo máis repugnante acto que a democracia permite, O transfuguismo. Propiciada por un ruín ex-cura, que un día calquera decidiu colgar a sotana nun espeteiro e buscándose o sustento que ata a data se lle dera ventureiro, irrompeu neste municipio, “impecune”, sen amigos e dependendo da benevolencia allea. E non deixou monicreque con cabeza. Como todo o mundo ignora, sacerdote é unha palabra que vén do grego, composta de “sa” que non significa nada e “cerdote” que o significa todo. Os sacerdotes dinse intérpretes da palabra de Deus, pero a súa mesma condición de cregos fainos de natural lacazáns, acomodaticios e propensos a estar a ben co poder. Aínda así, caldean os ánimos cos seus discursos e de vez en cando prometen a vinda dun enviado de Deus que conducirá ao pobo á vitoria definitiva sobre os seus inimigos ancestrais… Ese profeta era el, e a terra prometida o concello de Portas.

O ex-cura pretendía seguir vivindo do “palique” e presentouse en Portas disposto a entrar en política e conseguiuno. Abofé que o conseguiu!, ás costas da boa fe do PSdeG, que sen coñecer as súas escuras pretensións, acéptano como cabeza de cartel. Ao non obter nas urnas a confianza para gobernar, entregou a vontade do pobo ao mellor ofertante, vendendo aos seus compañeiros, igual que Xudas vendeu a Xesús na última cea.

O mellor ofertante era, sen dúbida, Roberto. Pero do mesmo modo que lles pasou aos asasinos de Viriato, Roberto, unha vez “atado, e ben atado” o pacto do transfuguismo e esgotada a lexislatura, repetiulle ao innomeable tránsfuga aquelas famosas palabras “Roma non paga a traidores”, rematando deste modo, per saecula saeculorum, a efémera carreira política do tal Xosé, que así se chamaba o ruín individuo, que, dito sexa de paso, nada tiña en común co manso e casto Xosé de Nazaret. Dende entón vaga por aí, perseguido polos seus propios pasos.

Contan, os que o coñecen, que de pequeno xa apuntaba maneiras, se non que o diga o seu mestre, que tantas veces o atopou sentado no húmido chan, mirando a herba cortada de fresco á espera de vela medrar. Entón, o profesor explicoulle que hai algunhas persoas que ven crecer a herba e outras que a comen -e ti, filliño, non es dos primeiros.

Juan Manuel López Barreira, a Secretaria do Concello e Roberto VázquezPerpetrada a moción, o alcalde saínte, Juan Manuel López Barreira, de Independentes Parroquias Unidas de Portas, dando todo un exemplo de dignidade, desexoulle sorte ao alcalde entrante e agradeceulle aos veciños a confianza depositada ao longo do seu mandato, mostrándose orgulloso do labor realizado por el e o seu equipo de goberno “porque sempre primou o servizo aos veciños e a honradez na súa xestión por riba de todo o demais”, matizou. Deseguido e sen mediar palabra, Roberto Vázquez, xurou o cargo, dando por concluído o acto, sen poder evitar unha chuvia de moedas espalladas polos veciños alí presentes, ao berro de “peseteiro” “vendido”, “morto de fame”, en alusión ao tránsfuga. Á saída un “hooligan” de Roberto, que tira máis para “bovino” que para “homo sapiens”, e que, ao cabo do tempo chegaría a concelleiro,  «cosas veredes, amigo Sancho, que farán fablar las piedras», insulta gravemente a unha das persoas asistentes, sendo necesaria a intervención do público alí presente, para evitar que o energúmeno a agredise, non só verbalmente, se non tamén fisicamente.

Os demócratas alí presentes perdemos. E os ausentes tamén. Non puidemos coas armas do poder establecido que todo o corrompe. Pero tivemos, temos, e teremos razón de intentalo. E gañaremos cada vez que un mozo ou unha moza saiba que non todo se compra, nin todo se vende, e senta ganas de querer mudar este concello, este país ou o mundo, se lle peta.

Dende entón… reina na casa consistorial o outrora honrado varón e agora alcalde… Roberto Vázquez, contándose as súas andanzas por hecatombes.

Conta Vicente Risco, no inicio da súa obra “O Porco de Pé”, considerada unha das biblias do caciquismo galego, que “don Celidonio ascendeu de porco a marrán e chegou a alcalde”

Roberto Vázquez, recibe o concello cunha economía envexable, completamente saneada, sen unha peseta de débeda e co financiamento dispoñible para diversos proxectos, tales como a construción do pavillón de deportes da Rapeira, que no pleno anterior ao da moción, xa quedara aprobado o proxecto, cambiado “in extremis”, coa colaboración do concelleiro José A. Gómez, que ao cabo resultou ser o colaborador necesario. Un diñeiro que o equipo de goberno pretendía destinar á posta en marcha da recollida do lixo. Do mesmo xeito quedoulle aprobada por Sanidade, a construción do Centro de Saúde. Só faltaba poñer á disposición da Consellería o terreo correspondente por parte do concello.

Véndose nadando na abundancia, pronto chegou á conclusión de que, a caridade ben entendida empeza por un mesmo e, a pesares de ter manifestado en repetidas ocasións que “ Un untamento como o de Portas non necesita ter un alcalde con dedicación exclusiva, porque con unha hora de traballo pola mañá e outra pola tarde é máis que suficiente”, en canto se libra do tránsfuga e cos parabéns dos seus concelleiros, asígnase un soldo que triplica o que cobraba o anterior alcalde, pasando a cobrar os mesmos emolumentos que a secretaria. Claro que non cobraba tan suculento soldo, para a época, por merecelo, se non por dignificar a profesión de alcalde. Faltaría máis! Todo alcalde que se prece debe cobrar o salario máis elevado do concello. Que respecto lle ía ter un subordinado ou subordinada, se percibira un salario superior ao mandatario supremo? Aos alcaldes cómpre pagarlles o traballiño que levaron para gañaren os cartiños, aínda que, como neste caso, non precisasen levalo, porque o diñeiro do concello, coma quen di é deles.

Calquera alcalde, que leve no seu haber catro anos desenvolvendo o cargo de Primeiro Tenente de Alcalde e un ano de concelleiro na oposición, algunha experiencia no oficio terá adquirido, polo que, non lle custará moito facerse co poder do seu pequeno feudo pedáneo e moito menos construír o seu castelo doméstico. Pouco a pouco irá tecendo redes clientelares de todo tipo e condición, converténdose nun intocable Eliot Ness sen ética e probablemente socio doutros varios apadriñamentos interesados, a medida que vaia asentándose no seu trono edilicio, xa sexa por exceso, xa sexa por defecto, irá collendo maneiras caciquís, e o que, ao principio podía parecer un populismo aldeán, co tempo, acabará converténdose nunha plutocracia despótica, case absolutista, gobernando en todo momento en favor dos que o apoiaron, con escaso respecto á legalidade. “La familia es la familia”, dicía Don Vito Corleone na película “El Padrino”. Pódese falar tamén de corrupción de baixa, media e alta intensidade. Non pretendemos dicir con isto que este alcalde participara en calquera delas ou promovera estas situacións. Que Satanás nos libre de tal tentación. Sinxelamente veunos á cabeza, como unha remota posibilidade sen base que a sustente. Que cabeciña a nosa! Todo o mundo sabe que estas situacións non se pretenden, veñen dadas por “advenimiento”, por chegada espontánea.

Así foron pasando os días nunha apacible tranquilidade de asentamento imperial, ao abeiro dun cargo ben remunerado, que deitaba tanta paz que facía medrar, engraxar e arredondar o bandullo, tal cal, Pomponio Flato, do mesmo xeito que medraba o seu ánimo e a súa vaidade vendo o sometemento da xente aos seus caprichos e praceres terreños, convertendo o funcionamento do concello nunha auténtica democracia vertical. Se non hai xente no mundo coma a deste concello -comentaba con orgullo-. Sempre contenta, sempre xenerosa, sempre simpática e sempre me vota! Así debían ser todos, e este mundo íase converter nunha balsa de aceite. Para catro días que un ha de vivir que o deixen gobernar como queira… Rei que mande e Papa que excomungue, non ha de faltar nunca!

Así foron pasando os días e pouco a pouco foi converténdose en seareiro do Capitán Kidd, o cal empezou gozando de patente de corso para matar matóns e reprimir a piratería, pero pouco tardou en asociarse a eles, converténdose no máis temible pirata do século XIV ou, tal vez, da historia da piratería.

Non tardou en meterse en problemas o egrexio representante dos conservadores. Alá polo ano do Señor de 1995, un xuíz séntao no banco por agresión a un cidadán da veciña localidade de Caldas de Reis. A secuencia foi así: O alcalde e o gregario camiñaban pola mesma beirarrúa en distintas direccións, cando os seus pasos se cruzaron, o alcalde comezou a atizarlle golpes á vez que lle profería un rosario de insultos, ao tal veciño, e foi condenado a seis días de arresto e á paga dunha indemnización. Algo que, en absoluto mingua a súa excelencia como representante lexítimo e democrático dos veciños de Portas, faltaría máis. Nin a súa respectabilidade. Total o delito cometeuse en concello alleo. Debería ser un dereito inalienable de calquera alcalde, poder arrearlle a quen lle pete, non só na súa pedanía, senón nos concellos lindeiros. Sobre todo, nos concellos alleos. Que menos! Xa se sabe que, mesmo no propio concello, un alcalde que se teña en estima, non lle faría ascos, se non todo o contrario, volver á Idade Media e instaurar o, metaforicamente falando, dereito de pernada.

De volta ás andadas polos xulgados, debido á denuncia de dous veciños que o acusan de apropiarse dun terreo para facer un camiño público que, por esas casualidades da vida, beneficiaba ao servizo das propiedades do seu sogro. Non queremos dicir con isto, nin moito menos, que o Alcalde non teña ética nin principios, faltaría máis! Ter tenos, pero… esquecidos. Por todo, os infelices aldraxados acúsanlle dun presunto delito de prevaricación. Como nos últimos tempos está de moda, o alcalde, iniciou as obras do camiño, sempre tomando atallos, sempre acurtando vereas, sempre sen proxecto, sempre sen licenza, sempre sen sentido. Con aleivosía, nocturnidade e escoltado por axentes da Garda Civil para protexerse das protestas de algúns veciños -catro ou cinco- que lle recriminaban o abuso e a ilegalidade das obras. Vendo tantos antidisturbios reunidos nun espazo tan cativo, semellaba que en lugar de mulleres e nenos, os alí presentes, eran talibáns ameazando con tomar as metralletas, os canóns e mesmo os tanques, equipados con mísiles terra-aire, xa que os avións caza, que tamén tiñan preparados os catro ou cinco veciños, non podían atacar pola falla de visibilidade na escura nocturnidade. A día de hoxe aínda permanecen amoreadas detrás da casa do concello, as pedras que un dos veciños asoballados, tiña acuguladas na súa propiedade para iniciar a construción da propia vivenda e que, aínda que a orde do alcalde de retirarllas e depositalas, por certo, en propiedade allea, semellara un insuperable ataque de neura e un incontible afán de vinganza, este, non actuou movido por tan furibundos instintos, senón, para que ao descoidado veciño non se lle extraviasen os perpiaños e de camiño, salvalos de seren pasto da cobiza dos amigos do alleo, que tamén os hai “e non andan en afastadas montañas”. Unha loable acción por parte do rexedor, aínda que, a calquera mal pensado poderíalle dar pé a crer que se trata dunha demencial e paranoica alcaldada. Aos ben pensados, tamén.

A palabra sogro desvíame de novo a atención cara o conto de Risco que di así: -Vouvos referir a vida de don Celidonio e do seu sogro e principal Baldomero García, aquel que lle berraba aos seus mancebos: “Cando na miña casa entra unha peseta, para que volva a saír, cómpre facer un expediente!”

Dá a sensación de que isto de andar polos xulgados crea un tipo de adicción semellante á cocaína e, o Sr. Alcalde, está a punto de quedarse a vivir neles, pero el aínda non o sabe. Falando de cocaína… O peor momento viviuno cando foi vinculado, nunha operación policial, cun cargamento de dúas toneladas do apreciado po branco. O testemuño dun comisario de Policía, xefe do Servizo de Inspección de Estupefacientes entre os anos 90 e 94, serviu de base ao xuíz para corroborar as imputacións sobre o Alcalde e unha serie de persoas relacionadas co motel Caldas, entre as que estaba Ramón Antonio Cores Caldelas, asasinado anos máis tarde nun monte de Caldas de Reis, concretamente o 24 de marzo de 1998. O comisario asegurou na vista oral, que se investigou ao citado rexedor do Partido Popular “por ser sospeitoso de trafico de drogas e branqueo de diñeiro” quedando probada a súa relación co concelleiro do PP en Vilanova, C.N.R, J.F.C. (O Louro de Caldas) e o dito Cores Caldelas. Así o recolle unha sentenza ditada polo Xulgado do Penal número un de Santiago, que absolve de calumnias e aldraxes ao diario “El Mundo” e ao xornalista responsable da información a quen o alcalde denunciara por publicar os feitos. Anos máis tarde, o 4 de febreiro do 2009, esa sentenza foi ratificada polo Tribunal Supremo. Nada serio. A cousa quedou aí despois de que, o entón presidente da Comisión de Narcotráfico do Parlamento de Galicia, Xesús Palmou dixese que: “Abondaranos con obter sospeita racional baseándonos no que publica a prensa, porque esa xente non ten cabida no noso partido”. Dende aquela, nesas andamos. O tempo, pouco a pouco, pasa sobre a memoria e vai deixando os recordos baixo o po das horas, dos días, dos meses e dos anos… por moito que ese po sexa, ás veces, po branco.

Un alcalde y un concejal del PP, hombres de confianza de “los del Motel” (1). “El Mundo”. 29.04.95

Un alcalde y un concejal del PP, hombres de confianza de “los del Motel” (2). “El Mundo”. 29.04.95

Así es la nueva estructura de la droga en la Ría de Arousa. “El Mundo”. 29.04.95

El alcalde de Portas desmiente su supuesta vinculación con el narcotráfico. “Diario de Pontevedra”. 3.05.95

O alcalde de Portas foi investigado por narcotráfico. “La Voz”. 17.05.98

El alcalde de Portas foi investigado por tráfico de drogas y blanqueo de dinero. “La Voz”. 17.05.98

Seguramente moitos dos lectores pensarán que quedan moitas cousas no tinteiro. Certo, sabémolo. Malia aquí só tratamos de traer os temas recollidos pola prensa, para que o lector saiba que nada inventamos, que polo carácter rocambolesco da historia, podería dar pé a parecelo. Claro que para algo teñen que servir as hemerotecas e cando as cousas quedan escritas e gravadas como quedou  todo o que aquí se conta, pouco ou nada se pode rebater.

Continuará…

Mai 11 2012

O Manchester de Tony Wilson

A grandes trazos, Tony Wilson, nacido en Manchester en 1950, foi un periodista, presentador de programas musicais para Granada TV, fundador do selo musical Factory Records e o mítico club The Haçienda. Foi o culpable da escena musical de Manchester dos setenta-oitenta, da que debemos estarlle eternamente agradecidos, aínda que el so sexa un personaxe secundario da súa propia historia.

Wilson era o presentador dun programa chamado So it Goes, pero en lugar de limitarse a por vídeos musicais, foi mais alá, e dedicouse á promoción das bandas desa época. Xunto cuns amigos, organizou unha serie semanal de concertos punk nun local da cidade. Joy Division tocaron xusto o día da apertura, e foron o primeiro grupo que firmou un contrato coa Factory Records.  Un contrato firmado coa propia sangue de Wilson, segundo unha escena da película 24 hours party people, que narra moito mellor esta historia.

Joy Division é unha das bandas fundamentais desta escena, e unha das máis polémicas. Formada por Ian Curtis (voz), Bernard Sumner (guitarra e teclados), Peter Hook (baixo e coros) y Stephen Morris (batería). O seu nome, a pesar da tradución literal “División Alegría”, fai referencia ao grupo de mulleres xudías usadas coma escravas sexuais nos campos de concentración nazis, o que lles ocasionou unha acumulación de críticas.

Imagen de previsualización de YouTube

Lanzaron con Wilson, Unkown pleasures, un disco  imprescindible e aclamado pola crítica. Unhas cancións que incluso melloraban en directo, grazas aos epilépticos bailes de Ian Curtis. Unha lenda da música, que no comezo do éxito, aforcouse na cociña da súa casa levado pola depresión e os problemas persoais (sufría crises epilépticas).

Editaron póstumamente Closer e o sinxelo, Love will tear us appart, e os restantes da banda convertéronse nos tamén famosísimos, New Order.

Imagen de previsualización de YouTube

En 1986 fundouse o club The Haçienda, nela tocaron grupos como a Certain Ratio ou os Happy Mondays. Aos segundos, Tony veunos nunha batalla de bandas, quedaron os últimos pero non dubidou en firmalos. A banda, composta principalmente polos irmáns Shaun Ryder –voz- e Paul –baixo-, contaban con toda unha estrela que animaba os seus concertos, Bez, primeiro bailando e logo asignáronlle unhas maracas.

Imagen de previsualización de YouTube

Este grupo era rock e baile ao mesmo tempo, propiciaron grandes temas ao igual que problemas. Shaun Ryder abusaba das drogas, fundiuse parte do diñeiro da discográfica en Barbados, onde so foron capaces de elaborar un cuarto disco unicamente instrumental.

A Haçienda e a discográfica perdeu máis diñeiro do que gañou, e foi absorbida finalmente por London Records. Sen embargo, viviu a evolución da cultura musical, dende o punk ata a música disco, e  provocou o nacemento de magníficos grupos e innumerables historias.


Lista de reprodución integra e optimizada para Spotify:

O baile preguiceiro. Disorder


Mai 09 2012

Censura o Concello de Portas o facebook municipal?

Onte un dos lectores do facebook do Confesionario enviounos esta mensaxe:

Fíxonos chegar as imaxes capturadas do facebook do Concello de Portas e, efectivamente, demostra que o que publicou no citado sitio xa non está. Un caso de censura por parte do Concello? da persoa que o administra? Seguía directrices? Foi iniciativa propia? Ao mellor é un erro noso, e non atopamos o publicado porque non sabemos manexarnos nin navegar nese facebook.  Non o sabemos, pero gustaríanos moito que houbese unha explicación, xa que o mesmo que hai opinións e publicacións nese muro que bordean a adoración divina das accións do equipo de goberno de Portas (e non son eliminadas), tamén debe recoller as opinións discordantes ou críticas con este. Esa é a esencia da democracia.
A continuación reproducimos as imaxes capturadas polo lector. Foron borrados nomes, fotos, numeros de teléfonos, etc., de terceiras persoas alleas totalmente a esta “incidencia“.

captura facebook concello portas060512-1465x800-m.jpg

captura facebook concello portas070512-996x800-m.jpgFacemos nosa a frase de Mae West, o icono de muller fatal, que dicía: “cando son boa, son boa, pero cando son mala, son moito mellor”. Polo tanto, recoñecemos que nós gozamos extraordinariamente sendo malos. É, por iso, que preguntamos: elimináronse as publicacións porque facían referencia á imputación de Roberto Vázquez por falsificación documental e fraude a Facenda? Non gustaba, imaxinámonos. En cambio, si que lles gusta esta outra que está publicada ao pouco de fundarse o facebook do Concello de Portas:

capturaconcellof3-1443x800(m).jpgPor certo, este alcalde noso pasa moito tempos nos xulgados, non?


Actualización do artigo (2 horas despois de publicalo):

Confírmase que se eliminan determinadas publicación. Probas:

E na seguinte imaxe vemos como non se cortaron un pelo. Foi eliminada aínda tendo un comentario dunha usuaria e un “gústame” de Arturo N. Fontán Pérez, voceiro nacionalista no Concello de Portas.

publicacioneliminadafc090512b.jpg

Mai 07 2012

Un sucesor para Mitterrand, por fin

Nunha Europa actualmente dominada por un absoluto conservadorismo aparece en Francia un goberno socialista. François Hollande será o segundo presidente en gobernar Francia dende a esquerda, como sétimo presidente da Vª República. Os franceses rexeitaron a austeridade  proposta por Sarkozy e elixiron un goberno socialista trinta e un anos máis tarde do paso de  François Mitterrand polo Eliseo.

51,70 % dos votos para Hollande, 48,30 % para Sarkozy, unha  vitoria axustada que non deixa de reflectir as ganas de cambio. Hollande, candidato sen experiencia de goberno, derrotaba a Sarkozy xa na primeira volta, algo que nunca antes acontecera. Sen embargo foi o resultado da  extrema dereita, Front National de Marine Le Pen,  que obtivo un 18,6 % do sufraxio  no primeiro acto o que fixo verdadeiramente historia e axitou ao país. “Todos” parecían inquietarse e avergonzarse de tal resultado, pero o certo é que un terzo dos franceses votou por unha formación extremista. Dise que é o voto do descontento e da desesperación.

O xornal Libération, representante por excelencia da prensa de esquerdas en Francia, falaba dun resultado non tan tráxico como cando dez anos antes Jean Marie Le Pen, pai da actual candidata, se clasificaba para o segundo turno, pero “igual de inquietante, se non máis”.  Sarkozy e o seu UPM non estaban o suficientemente posicionados á dereita. Por iso para o segundo asalto  “Sarko” se foi aproximando aos electores do FN á vez que avisaba do perigo dun posible goberno socialista empregando de forma reiterada o exemplo desacertado do caso de España e de Grecia. Non lle serviu. Sarkozy volverá ser “un francés máis entre os franceses” despois dunha campaña que,polo menos, se pode cualificar de non acertada; e  Bruni será de novo, simplemente, cantante e actriz. No cargo de primeira dama sucederaa Valérie Trierweiler xornalista especializada en política, editora da revista París Match e condutora dun programa de entrevistas na cadea Direct 8.

“Estou seguro de que en moitos países europeos este resultado foi un alivio, unha esperanza, a idea de que ao final a austeridade non pode seguir sendo unha fatalidade”. E si, nas palabras de Hollande, no seu programa pódese ver unha esperanza para unha Europa recortada. Un programa electoral que dá envexa dende logo, a ver canto ten de certo, vendo o caso de Rajoy permítome ser excéptica.

A festa do socialismo celebrouse pois na praza da Bastilla, lugar simbólico da revolución francesa, coma aconteceu o 10 de maio de 1981, en torno á columna de Julio presidida polo “Xenio da Liberdade”.

As lexislativas,  en xuño.

 Woodward.

 

Mai 04 2012

Aprender inglés… para emigrar

Este artigo versa sobre duas reflexións entorno ó coñecemento da lingua inglesa. A primeira é sobre os porqués de aprender ou mellorar o inglés que un sabe e a segunda trata dun dos máis tristes motivos de facelo.

Primeira reflexión. O desexo de coñecemento da lingua inglesa está a experimentar un  “boom” nestes tempos. É elevado o número de persoas que se matricula nas escolas de idiomas, que recibe clases particulares, que se apunta a grupos de conversa, que segue cursos online ou que utiliza material de audio para escoitar no coche.

Pero, ¿cales son os motivos? Entre estes, poderíamos sinalar o alto número de parados que desexa investir o seu tempo “extra” en algo útil, a idea de emigrar ante a situación laboral e económica que temos pensando en que, ter uns coñecementos básicos desta lingua, optimizará as posibilidades de atopar emprego no novo país ou, simplemente, a interese en “saber máis” e profundizar nunha lingua de uso extendido.

Debemos recoñecer que o coñecemento da lingua inglesa pode facilitarnos a vida, en maior ou menor medida: tropezamos co inglés na Internet, en publicacións importantes e nos produtos do supermercado, cando viaxamos fóra de España saber un pouco de inglés supón unha axuda na comunicación e no desenvolvemento e coido que cada vez en máis cousas.

Agardando que poida servir de axuda, quería contribuir cunha selección de ligazóns que considero interesantes para consulta e uso:

http://www.agendaweb.org/

http://www.dailyesl.com/

http://www.englishteststore.net/

http://www.bbc.co.uk/worldservice/learningenglish/grammar/pron/sounds/

http://www.bbc.co.uk/mundo/aprenda_ingles/index.shtml

Segunda reflexión. En España estase a producir unha “fuga de cerebros” perigosa, pola que se están deixando marchar grandes profesionais. Estes estanse a formar en linguas (inglés, alemán, francés, chino) para emigrar, como noutros tempos fixeron os seus pais. Marchan os investigadores que foron formados aquí e, en diante, enriquecerán a outros países cos seus coñecementos e experiencia. Vanse enxeñeiros e arquitectos, médicos, enfermeiras, traballadores experimentados. Este país voltouse do revés e, en consecuencia, actúa e funciona ó revés.

Aprender inglés está moi ben, cómo non, pero cando se aprende como ferramenta para botar o pé fóra, resulta tan triste que non hai palabras que poidan describir semellante pena.

Mai 04 2012

Cociñando dende a de Benilde: Tiramisú

Ingredientes

  • 1 vaso de azucre
  • biscoitos brandos ou base de tarta (eu utilizo a base de tarta do día)
  • cacao en po
  • 2 tazóns de café só forte
  • 6 ovos
  • 1 chorro de licor amaretto (no Lidl está barato e é perfecto para esta receita)
  • 600 ml de nata liquida
  • 500 gramos de queixo mascarpone

Preparación

  1. Xuntar a nata e a metade do azucre e montar a nata (monta mellor se esta ben fria).
  2. Separar as xemas e as claras.
  3. Montar as claras a punto de neve (montan moi ben e mais rápido se lle botamos unhas gotas de limón ou de vinagre).
  4. Mesturar o queixo co azucre e coas xemas de ovo cunha culler, sen utilizar batidora.
  5. Cando as xemas e o queixo estean ben montados imoslle engadindo pouco a pouco a nata, removendo amodiño, e despois as claras montadas, tamen moi amodo, e cunha culler ou similar sen urilizar a batidora.
  6. No café, ben quente, disolvemos uns 150 gramos do cacao e un chorro do licor.
  7. Se empregas os biscoitos, humedéceos no cafe e ponos na fonte que vaias a utilizar. Se utilizas a base de tarta colócaa primeiro na fonte e despois botaslle o café por enriba.
  8. Engadímoslle por enriba a primeira capa da mestura.
  9. Outra capa de biscoitos humedecidos ou de base de torta mollada.
  10. Última capa da mestura.
  11. Espolvoreamos con cacao en po.
  12. Gárdase na neveira de 12 a 24 horas (mellor 24 horas).

2012-04-24

Mai 01 2012

Cas cousas de comer non se xoga… (por se acaso)

O pasado venres, 27 de abril, os mozos e mozas de Portas, ou os que se sentiran como tal -segundo rezaba o bando asinado polo alcalde-, estaban convocados a unha reunión no Concello para tratar dos novos postos de traballo que ían xurdir en Portas.

Presentáronse moitas persoas de Portas que están no paro, algunhas de familias que teñen a todos os seus membros desempregados e xa con todo tipo de prestacións e subsidios esgotados.

Na reunión estaban presentes Roberto Vázquez e Ramón Abuín, concelleiro e conselleiro do primeiro. Tamén estaban presentes outras dúas persoas, pero carecen de relevancia, así que nin as nomeamos. Sí nomeamos a Ramón Abuín, porque, segundo os últimos rumores oídos pola capital da provincia, é o candidato designado (ou favorito) para substituír a Roberto como alcalde se a súa imputación por fraude a Facenda e falsidade documental lle obrigase a dimitir.
Non estaría mal o salto económico para o devandito, xa que pasaría a cobrar os 41.000 euros anuais que cobra o actual alcalde.

Roberto Vázquez dirixiuse aos presentes coa súa habitual elocuencia e facilidade de palabra. Notábaselle, non obstante, un pouco confuso no seu discurso. É posible que estivese un pouco atacado dos nervios, xa que unhas poucas horas antes no pleno, a oposición lle pediu, con vehemente insistencia, que presentase a dimisión e devolvese a dignidade ao pobo de Portas.

Aos presentes veulles a dicir, resumindo con outras palabras, xa que resulta moi difícil facerlle unha transcrición literal, que “son malos tempos para a lírica” e que “alí está el”. Efectivamente, se iso é o que quería dicir, non son tempos de lírica, son tempos de épica e drama.

Este é o bando co listado de traballos para os que se podían apuntar os presentes á reunión e o resto de desempregados do Concello:

Cooperacion2012ConcelloComo podedes ver, ofrécense postos de traballo para o Concello de Portas, para a Mancomunidade Ulla-Umia e para a Deputación Provincial. Ao velos todos xuntos, parecen moitos. Esperamos que, ao ofrecelos así, non se buscase un efecto publicitario. Non sería ético. Pero nin un chisco.

Tamén esperamos que estes postos de traballo que se ofrecen vaian recaer nas persoas que máis os merezan ou que máis os necesiten.

Non queremos que pase como na vila que fixo famosa o noso Ken Keirades, o Concello de Paradisus, onde parece que todos os anos traballan as mesmas persoas: Manuel, Marta ou Luisa (entre outros). A xente sabe que os dous primeiros son do partido do alcalde paradisiense e que se dedican en época de eleccións a colaborar activamente ao triunfo do rexedor, ben pegando carteis ou ben carrexando vellos ou veciños. No caso da última do trío habería que preguntar en Paradisus, se alguén lle víu algunha vez manexar unha desbrozadora e se está empadroada nese Concello ou nun veciño. Pero esas cousas só pasan en Paradisus. Aquí en Portas, non nos consta…

Pero se pasasen…, pois aquí estamos nós para denuncialo á opinión pública. Somos da crenza de que cos traballos e co futuro das persoas e familias de Portas non se debe xogar nunca. Hai moitos desempregados neste pobo: nada máis e nada menos que 344 ao finalizar o mes de marzo. Todos teñen dereito a traballar e todos teñen dereito á igualdade de oportunidades. Non debemos permitir ningún tipo de discriminación nin favoritismo. E moito menos por afinidade política.

O paro no mes de marzo creceu un 8,18% con respecto ao mes de febreiro

Gráfico da evolución do paro no Concello de Portas nos útlimos 5 anos

Fonte: Ministerio de Traballo

Consideracións finais:

  1. Polo que temos entendido, aínda estades a tempo de apuntarvos no Concello para optar a estes traballos.
  2. Como vedes ofrécese un posto de “socorrista“. Ao parecer vaise abrir o que o alcalde chama “Piscina Municipal” e que ten o tamaño dunha piscina portátil, desas que se compran no Carrefour. Pero agarrarse: vaise abrir con auga fría!
  3. O defunto Paco Martínez Soria non se presentou á reunión co alcalde o venres. Dicímolo porque como fixo unha película titulada “Estoy hecho un chaval”, podía interpretar ao ler o bando do Concello que tamén estaba invitado.

Actualización do artigo: como moita xente non viu nunca a “Piscina Climatizada Municipal” de Portas, deixamos un par de fotos dela. Como sabedes o señor Alcalde pretendía que 800 familias de Portas aportaran 120 euros anuales para sufragar os gastos da “piscina climatizada“. Foi un rotundo fracaso. Non é que nos alegráramos do fracaso de Roberto Vázquez, que tamén, e que nos alegramos pola propia integridade da piscina (e dos bañistas). E se un día se xuntaran ao mesmo tempo, non digo máis, 50 persoas que quixeran bañarse? (dixen bañarse, non nadar). Non se esmendrellaría alguén cando estoupase (a piscina)? Artigo de “La Voz de Galicia”

P3040072.JPG P3040074.JPG

Podes ampliar as fotos facendo click sobre elas.

Abr 30 2012

Pregón no acto conmemorativo do 224 aniversario do nacemento de Domingo Fontán. Ano 2012.

Braulio Mondragón. Foto Diario de Pontevedra.

No ano 2002 a presidente da nosa Asociación Da. Concha Méndez, convídame a formar parte de este grupo cultural de carácter mais que altruista e con unha fonda motivación. A súa gran causa cultural é nada menos que Domingo Fontán Rodríguez, un personaxe tan sumamente importante coma marxinado na historia dun xeito tan rechamante. Entóns comprendín a necesidade de avanzar nesas tres liñas históricas e básicas de traballo: que son o estudo, a honra e a divulgación de Fontán. E lémbrome que aceptei sin imaxinarme a magnitude de este sabio que hoxe eiquí honramos.

Naquel ano 2002 e por circunstancias casuales, tamén recibín a confianza da Asociación para facerme cargo do pregón nesta mesma celebración conmemorativa do seu nascemento. Aínda me estou vendo naquelas premuras de rebusque de toda clase de notas, artigos, testimonios, etc. relacionados con Fontán.  E con todo aquelo pouco que xuntei, xa había materia de primeira calidade para un gran discurso: a extraordinaria e descoñecida biografía de Fontán. Polo tanto limiteime a presentar a Fontán nas súas múltiples e punteiras facetas: o Fontán DOCENTE, dando clases de idiomas no exército e posteriormente na Universidade Compostelana ao fronte da Cátedra de Matemáticas; o Fontán industrial, ao fronte da primeira fábrica de papel de Galicia onde elaboraba un papel de alta calidade tendo por cliente o mismísimo goberno central; o Fontán político, desempeñando o cargo de Diputado nas Cortes en Madrid en varias lexislaturas, entregándose de cheo a procura de diversas milloras para Galicia; o Fontán astrónomo, como Director do Observatorio Astronómico de Madrid durante 5 anos; o Fontán inxeñieiro e proxectista, encargado do trazado da primeira liña férrea de Galicia entre Santiago e Carril, diseñada sobre o seu propio mapa. En definitiva este Fontán inmenso que ademáis foi membro de importantes sociedades da época e ocupou cargos coma os de: presidente da Academia de Filosofía, presidente da Sociedade Económica Amigos del País, membro da 1ª sociedade cartográfica do mundo radicada en Francia…, etc.

Público asistente. Foto Diario de Pontevedra.

Pero a gran faceta de Fontán foi a Xeografía. Plantexando a necesidade da representación correcta da superficie de Galicia para así facilitar o seu desenvolvemento cultural e económico, Domingo Fontán decide acometer personalmente esta gran proeza de tempo e sacrificio. Durante 17 anos percorreu toda a nosa complicada xeografía pobo por pobo, e soportando relixiosamente todas as múltiples adversidades propias daquela época, para concluir o primeiro mapa matemático de Galicia que anulaba tódolos anteriores. As numerosas montañas, valles, ríos, rías cas súas recortadas costas…; todo quedou reflectido con admirable exactitude e perfección. Un traballo que para o resto de España tardaría aínda un século en realizarse. Aquel mapa coñecido como Fontán, suponía toda unha proeza que na Xeografía mundial só presentaba a lóxica superación da pioneira cartografía francesa, ca gran diferencia en que ésta foi acometida ca vantaxe de ser empresa de estado. Polo tanto debemos considerar a Fontán coma un prócer que trascende tódalas fronteiras para situarse no mais alto da Xeografía universal.E debo suliñar debidamente este dato tan importante e obxectivo: a consideración de Fontán coma personaxe universal.

As portas do 25 aniversario da Asociación Cultural Domingo Fontán podemos afirmar que moito do que se avanzou nesta tarefa de normalización cultural respecto de Fontán tanto dun xeito directo coma indirecto, e grazas a labor histórica deste grupo de vecinos. A nós hoxe correspóndenos pechar esta última etapa de 10 anos cun balance que entendemos satisfactorio. Para empezar mantivemos estes actos na memoria de Fontán e que xa adquiriron carácter tradicional; tanto estes de Porta do Conde coma aqueles outros que celebramos no Panteón de Galegos Ilustres en Santiago de Compostela, no último sábado do mes de de outubro e en memoria do seu pasamento. Así mesmo participamos con un papel importante nos actos que se veñen celebrando na vila de Noia en honor a Fontán. Un saúdo e agradecemento moi especiales tanto aos grupos de goberno dos concellos de Noia e Lousame, así como a Sociedade Filatélica de Noia que ademais dedicaron un selo de correos a Fontán así como mataselos, sobres, postais e un libro filatélico.

Outro importante logro da nosa parte atinxe a propia construcción de esta noble Casa de Fontán. A obra xa iniciada ca doación de terreos e cimentación por parte dos vecinos de Porta do Conde, sería acometida e executada tras a nosa xestión na Xunta de Galicia. Logo sería a Diputación quen se fixo cargo dun xeito eloxioso da costosa última fase que suponía o remate deste centro cultural.

Pero nesta andadura o que sin dúbida resultou mais salientable foi a publicación da 1ª Biografía de Fontán encargada a X.Lois Vila Fariña, e que foi presentada no ano 2004. Aquelo supoñía un feito incrible porque sería esta humilde Asociación e nada menos que nese ano 2004, quen apoiada pola Diputación puxera fin a tan evidente e imperdonable carencia cultural e deuda de gratitude.

Este e un moi breve resumo de toda unha década na que estivemos sempre ao servicio de Fontán e do propio Concello de Portas, aos que levamos do xeito mais digno e honroso que nos foi posible por tantos lugares de Galicia, e mesmo  en oratorias, radiodifusión e prensa. Hoxe queremos decirvos que necesitamos mais socios e tamén persoas que se incorporen a este órgano directivo. Así mesmo son imprescindibles os correspondentes apoios institucionais para culminar os proxectos que xa temos en marcha ou en fase de inicio. A grandísima importancia de Fontán convirte en viable calquera gran iniciativa. Nadie se extrañe por exemplo, de que Porta do Conde poida en algún día próximo convertirse nunha auténtica e lexítima Capital da Cartografía.

Actuación Banda A Unión de Lantaño. Foto Diario de Pontevedra.

Dos proxectos en marcha o primeiro e a debida habilitación de esta Casa de Fontán. Escomenzaremos co depósito de todo aquello que está nas mans da Asociación en relación a Fontán; pero a esto debe engadirse inmediatamente e logo do correspondente estudo conxunto, todos aqueles elementos que deben aportar as diversas institucións para darlle vida a esta obra. Cumplido esto, esta Casa de Fontán debe funcionar como centro de referencia e visita dende as aulas escolares ata as propias Facultades de Xeografía e Historia, e Matemáticas; pasando por suposto por todo o demais público e nos mesmos.

Esto permitiría acelerar outro gran proxecto xa iniciado: a creación da Ruta de Fontán que uniría a aquelas poboacións galegas de mais protagonismo na vida de Fontán. Porta do Conde, Barro, Carril, Noia, Lousame, Compostela e Cuntis; conformarían un percorrido de primeiro nivel tanto cultural coma turístico,e teñamos en conta que o turismo e a primeira empresa do país. Nesta ruta o viaxeiro disfrutará das rías altas e das baixas, de fervenzas, muíños, augas termais, obradoiros de réplicas de cerámica castrexa e estudos de esa etapa, e por suposto da propia Compostela como capital cultural e política de Galicia. A este respecto estamos xestionando a implicación dos diversos concellos para a programación e continuidade de actos na honra de Fontán. Noia, Lousame, Santiago e por suposto Portas, xa corresponden con esta iniciativa a que pronto esperemos que se sumen outros concellos. Esta ruta debidamente oficial e promocionada, resultará ademais necesariamente vitalizadora de tódolos puntos do seu percorrido.

Outro proxecto básico é a lóxica e imprescindible integración de Fontán nos diversos programas de estudos académicos. Cando esto se cumpla poderemos empezar a considerar como unha realidade esa aspiración de normalización cultural respecto de este Fontán universal.

Co traballo da Asociación, e a confianza e apoios das diversas institucións e persoas; todas estas e outras metas deberían acadarse ao seu tempo. Esperemos que ante calquera tema relacionado con Fontán se considere co seu debido respecto a esta Asociación e se sepa contar con ela, en consideración do ben común.

Agora no fin de esta etapa, queremos expresar un sinxelo agradecemento primeiro aos socios, e anteriores directivas e socios. Grazas tamén a tantos colaboradores que se comprometeron e se comprometen nesta suprema causa cultural. Grazas así mesmo aos simpatizantes e fontanianos en xeral, que saben entender a grandeza do personaxe. E por suposto queremos suliñar a nosa lembranza de gratitude a todos aqueles que contribuiron e xa non están entre nós, en especial ao noso amigo e membro de esta directiva, José Señoráns, do que seguimos sentindo a súa falta.

E quero rematar co meu propio agradecemento personal, en particular a Da. Concha que sempre me brinda a súa confianza e amistade. Ao equipo directivo de esta Asociación, que me demostraron uns valores humanos nada fáciles de manter hoxe en día. E por suposto grazas de corazón a todas aquelas personalidades e cargos, que souperon atenderme e dar curso a todo o plantexado en pro de Fontán. E por último xa, grazas a tódolos presentes por acudir a esta cita na terra de Fontán.

Abr 27 2012

Queda inaughurado este tenderete!

Este domingo 22 de abril non se cabía na inauguración da ETAP de Briallos. Máis concretamente, non se cabía no lughar que os briallenses chaman, coa súa fina ironía, Gholdar Beach.

Ou iso, polo menos, informan os medios oficiais de Portas. É dicir, o feisbuk. Grandioso invento o de Zuckerberg, e ao que tanta utilidade lle dá o Concello. É como esas tendas-mercadillo dos chineses: teñen de todo dentro. Tanto che prohíben reghar unha leira, como che anuncian Punto Roma catálogo, traxes de chaqueta e estampados para esta primavera, che piden que salves ao lince ibérico, do que como todo o mundo sabe, xa quedan poucos en Portas, ou nos presenta ao maior admirador de Roberto, un portugués chamado Fernando Lopes, que lle manda recordos, ou lle escribe frases cravadas a esta: ÁS MAIORES FELICIDADES PARA ESTE EVENTO ABRAÇO A TODOS”. Roberto nunca contesta, o que nos parece unha descortesía internacional. Por afrontas parecidas, téñense retirado embaixadores no século XIV antes de Cristo. Pero aínda así, Fernando non se desanima e volve insistir todas as semanas…

Ao que ía. Na brillante inaughuración da ETAP xuntáronse toda clase de cargos políticos do PP: dende Conselleiros ata parentas de concelleiros. Había, así mesmo, numeroso público: choferes, xornalistas, fotógrafos, axentes da orde, axentes da lei, mestres-monitores carísimos, xente agradecida a Deus porque a súa exmuller ou o seu marido tiñan, un ano mais (e van…) un traballo no Concello, e tamén un sector de grupies masculino que pasaba por alí camiño de San Breixo a ver se, por casualidade, estaba a Panorama no palco… En fin, que estaba petado!

Os lughareños preguntábanse que como era posible que viñese tanta xente a inaughurar o tenderete aquel. Un, mesmo dixo, “seguro que despois hai polbada party no Pavillón da Rapeira”. Houbo outro que miraba e remiraba unha moto con sidecar e se preghuntaba que quen sería o condutor. Un rapaz que pasaba por alí dixo: “E Louzán”. Non lle fixo caso ninguén. Normal. A quen se lle ocorre!

Ao final, o tenderete da ETAP quedou inaughurado, Gholdar Beach baleira e a xente de Briallos indignada. Ninguén sabía por que. E iso é algo que a Moncho e a min nos preocupaba moito, xa que a maioría de briallenses é da nosa parroquia. Estivemos a darlle voltas toda a semana, e por fin, descubrimos o motivo. Ben, descubriuno Moncho…: non lles cheghaba aquela inaughuración! Era pouco, merecían máis. Así que esta mañán procedemos a inaughurar, sen previo aviso, e ca bendición de San Landrelino, un tenderete máis. Aghora si que teñen que estar contentos!

IMG00119-20120427-1235.jpgIMG00118-20120427-1235.jpg

O Albergue de Peregrinos está pechado. Xente montando o tenderete e preparando o camping-gas para facer unha tortilla de seis ovos.

Abr 25 2012

25 de abril sempre

A Revolução dos Cravos  (A Revolución dos Caraveis)

25abril.jpgUn peculiar e fascinante feito estaba a punto de acontecer. A sorte estaba botada. De pronto, o periodista João Paulo Diniz dá o primeiro sinal. Eran as 22,55 horas do 24 de abril, “E Despois do Adeus” de Paulo de Carvalho, soa na sintonía de “Emissores Associados de Lisboa” e ás 00,25 horas do 25 a “Rádio Renascença” transmite “Grândola, Vila Morena”, unha canción revolucionaria de José Afonso, o grande Zeca Afonso, que Leite de Vasconcelos comeza a recitar, xa que estaba prohibida a súa emisión polo réxime, despois de recitar a primeira estrofa puxo o disco na gramola e, en canto rematou, de novo recitou a primeira estrofa. Era o segundo sinal pactado polo Movimento das Forças Armadas (MFA) para ocupar os puntos estratéxicos do país, mediante una serie de coordinacións fixadas por un posto de mando establecido polo capitán Otelo Saraiva de Carvalho no cuartel da Pontinha en Lisboa. Era o sinal que poñía en marcha toda a acción para botar embaixo o réxime.

Unha columna de blindados baixaba cara Lisboa na mañanciña do 25 de abril de 1974, hai agora trinta e oito anos. Cívicos e educados como adoitan seren os portugueses, os militares ían deténdose nos semáforos, como si en vez de dispoñerse a liberar ao país dunha ditadura iniciada polo xeneral Oliveira de Salazar, había case tres cuartos de século,  marchasen, un día máis, de manobras. Nesas andaban cando o capitán Fernando José Salgueiro Maia, xefe da unidade, dispuxo que a ocasión ben merecía tomarse certas licenzas e saltarse algunhas normas de circulación. “A liberdade non pode agardar a preguiceira apertura dos semáforos”, ordenou. “Sigan sen deterse ata acadar ao obxectivo”.

25abril2.jpgO capitán Salgueiro Maia mandaba un grupo de militares formando unha pequena brigada de menos dun cento de soldados, que, aínda así, foron quen de liberar Lisboa e derribar dun só golpe e sen apenas causar vítimas, a tiranía máis longa de Europa, honra que tristemente herdou a Ditadura Española de Franco, unha vez desaparecida a lusa. Despois de trinta e oito anos, a dos Caraveis segue a ser a máis civilizada, fermosa, limpa e paradoxal revolución de todos os tempos. Con flores agromando nas ocasionais macetas dos fusís e sen apenas mortos e, moito menos, mártires. A imaxe que bautizaría este acontecemento como A Revolução dos Cravos  (A Revolución dos Caraveis) sería a desas concentracións e manifestacións espontáneas de cidadáns que, en Lisboa e coa complicidade das floristas, abastecéronse da flor da tempada, os caraveis, e colocáronas nos canos dos fusís dos soldados demócratas convertidos en anónimos heroes pacifistas e ignorados, ata que no ano 1997,  María de Medeiros rodou na súa honra a película “Capitães de Abril”, sobre o papel desenvolvido polo capitán Salgueiro Maia nestes días que mudaron non só o destino do pobo portugués senón tamén o das súas colonias de Ultramar. O paradoxo e que baixo un formato semellante ao dun golpe de Estado, co masivo apoio da poboación civil, converteuse nun auténtico, espontáneo e pacífico levantamento cidadán. Nunca antes se dera o caso de que un exército se alzara en armas, non para asoballar ao seu pobo, senón para protexelo e defendelo dun réxime ditatorial. Despois da rendición do Profesor Marcelo Caetano diante do Xeneral Antonio de Spínola, logo de haberse negado a facelo ante o capitán Salgueiro Maia que o tiña sitiado no cuartel do “Bairro do Carmo” en Lisboa, estes, dando mostras dunha inmensa xenerosidade, permitíronlle ao Profesor e ao seu goberno partir para o exilio en Brasil.

Naqueles primeiros días da súa máis sonada e feliz primavera, os portugueses experimentaron a inefable sensación de seren libres, e de que todo, comezando pola liberdade, era posible nun novo país adornado de caraveis e palabras pronunciadas sen censura. Unha emoción que, aos do lado de aquí da raia, nos foi vedada durante un tempo máis, pero con infinita envexa sentiamos como nosa a felicidade portuguesa. Mentres nós agardábamos acadar, máis cedo que tarde, a mesma sorte de liberdade que os nosos veciños, case que irmáns.

Imagen de previsualización de YouTube

Tantas foron as ilusións espertadas por aquel aire fresco e liberador estrañamente traído polas xentes uniformadas que, pasadas preto de catro décadas, non han ser poucos os que en Portugal sintan algunha pequena ou grande frustración polo desenlace da historia. Haberá quen sufra saudades dos caraveis, se cadra xa murchos, ignorando que o camiño a transitar dende un caduco, triste e miserento feudo dunha interminable ditadura cara a liberdade e a prosperidade é angosto e cheo de atrancos e, as máis das veces, no é o suficientemente longa unha vida para percorrelo. Foron as primeiras pedras, os alicerces que alumearon unha república –a terceira república portuguesa– Que ben me soa isto!!, feita de homes e mulleres e con homes e mulleres libres, na que se lle fixo sitio con ampla xenerosidade, ás xentes e ás ideas, a todas as ideas.

Os logros foron moitos, e para unha gran parte dos portugueses a Revolución dos Caraveis significa o acontecemento máis importante da súa historia nacional, precisamente no preámbulo da constitución portuguesa, froito da revolución, aínda hoxe en día pode lerse a proclama “de abrir a senda cara a unha sociedade socialista, dentro do respecto á vontade da vila portuguesa e con vistas á construción dun país máis libre, máis xusto e máis fraterno”. Para moitos  mozos da época coma o que escribe, supuxo o aguilloazo que lle fixo tomar conciencia do valor da liberdade, da que careciamos nesta parte da pel do touro que, aínda estando perto, nós non o sabiamos.

Como todo acontecemento, a historia deste contarase de diferentes maneiras, pero nós, os románticos, preferimos evocar a figura destes nobres e anónimos militares, que liberaron a os seus irmáns da tiranía, sabedores de que non ían ter máis recoñecemento nin compensación que o sentirse, en conciencia, orgullosos de formar parte do seu pobo.

Grândola, vila morena

Terra da fraternidade

O povo é quem mais ordena

Dentro de ti, ó cidade

Dentro de ti, ó cidade

O povo é quem mais ordena

Terra da fraternidade…

Imagen de previsualización de YouTube

Páxina 1 de 1312345...10...Última »